BLOG DO Equipo de Dinamización Lingüística do IES DE BECERREÁ "A REBOLA"
mércores, 29 de abril de 2026
OTERO PEDRAYO 2026
DÍA DO LIBRO 2026
RECOMENDACIÓNS LECTORAS E CITA A CEGAS CUN LIBRO
EQUIPO DE REDACCIÓN DA REBOLA 2026
XA SE PUXO EN MARCHA DA REDACCIÓN DA NOSA REVISTA DE CENTRO: A REBOLA
NUNO, DE GRANDE AMORE, VISITA O CENTRO
CO GALEGO CHÉGASE MOI LONXE
No marco das actividades promovidas polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Becerreá, o noso centro tivo recentemente a sorte de recibir a visita de Nuno Pico, líder do grupo galego Grande Amore, quen compartiu unha xornada moi especial co alumnado de Bacharelato e cos integrantes do EDL.
Durante o encontro, Nuno falou con moita proximidade sobre a súa experiencia persoal e profesional, explicando como conseguiu compaxinar os estudos coa súa paixón pola música. O artista tamén afondou no seu proceso creativo, contando como nacen as letras das súas cancións e como foi evolucionando ao longo dos anos ata converterse nunha das voces máis recoñecibles da escena musical actual.
A charla resultou especialmente enriquecedora para o alumnado, que puido coñecer de primeira man as dificultades, aprendizaxes e ilusións que acompañan o camiño artístico. Ademais, Nuno transmitiu unha mensaxe moi valiosa: que a creación en galego pode traspasar fronteiras e chegar moi lonxe. A traxectoria de Grande Amore, con concertos e xiras por distintos puntos de España e mesmo recentemente por México, é unha mostra clara da forza e da proxección da nosa lingua tamén no ámbito musical.
O alumnado participou activamente facendo preguntas, compartindo impresións e atopando nas palabras e na experiencia de Nuno unha referencia próxima e inspiradora. Sen dúbida, foi unha experiencia moi significativa que permitiu achegar ao alumnado á realidade da creación artística contemporánea en galego desde unha perspectiva auténtica e cercana.
DÍA DA LINGUA MATERNA 2026
AS PALABRAS FAVORITAS NA NOSA LINGUA MATERNA
Seguindo a estela dos últimos anos, no marco das actividades promovidas polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, preguntamos ao alumnado cal era a súa palabra preferida. No noso centro temos a enorme vantaxe de contar con rapaces e rapazas de diferentes procedencias, feito que, sen dúbida, aporta unha riqueza cultural considerable. Entre o alumnado de 4º da ESO, 1º e 2º de BAC, realizouse este vídeo onde quedan reflectidas as súas palabras favoritas en cadansúa lingua. Como non, o galego ocupa un lugar destacado no noso contexto e pódese observar nos particulares aportes dos nosos alumnos: algunhas son palabras cheas de sonoridade, outras evocan momentos da súa infancia, outras teñen particularidades léxicas e semánticas que non se atopan en ningún outro lugar. Desde o centro queremos dar visibilidade á diversidade lingüística da nosa contorna e poñer de relevo os rasgos distintivos da nosa lingua.
Agardamos que vos guste!
luns, 23 de marzo de 2026
SEMANA DA PRENSA 2026
SEMANA DA PRENSA, EN GALEGO.
Do 9 ao 13 de marzo levouse a cabo a semana da prensa no noso centro. Durante toda a semana os alumnos e alumnas podían acudir á Biblioteca, acompañados de profesores e profesoras das materias, ou no lecer para ler a prensa, tanto galega como nacional e internacional.
Fixéronse distintas
actividades cos xornais, de xeito que os estudantes puxeran en práctica o
pensamento crítico e a creatividade e á vez estiveran ao tanto do que sucede no
mundo: analizaron datos, buscaron etimoloxías de palabras, comentaron textos,
reflexionaron sobre as novas...
DÍA DA POESÍA NO IES DE BECERREÁ
CALIGRAMAS POLO DÍA DA POESÍA
O 20 de marzo celebrouse o Día da Poesía no IES de Becerreá, que se reflectiu na exposoción do “Tendal da poesía” no que se colgaron, como se se tratara de prendas, uns caligramas que realizou o alumnado na biblioteca a partir de poemas de autores galegos ou en lingua galega.
O caligrama é unha
forma creativa de poesía na que as palabras forman debuxos relacionados co seu
contido. A actividade permite xogar coa linguaxe combinando arte e escrita,
ademais, é unha forma de achegar a literatura galega ao alumnado.
DÍA DA MULLER NO IES DE BECERREÁ
POR UNHA IGUALDADE REAL E EFECTIVA ENTRE HOMES E MULLERES
O IES de Becerreá é un centro comprometido coa igualdade entre
homes e mulleres. Desde o Equipo de Dinamización Lingüística promovemos a reflexión
sobre os dereitos das mulleres e a igualdade de oportunidades. Para iso, desde
distintas materias, o alumnado realizou actividades que ensalzan os valores do
respecto mutuo, a xustiza e a inclusión, e logo fíxose unha exposición co
resultado na entrada do centro, como cada ano. Por exemplo, na materia de
Música traballáronse as figuras femininas da historia, case sempre
infravaloradas e silenciadas; e na materia de Latín, a partir dun texto
contemporáneo, o alumnado fixo unha revisión do mito clásico desde unha
perspectiva feminista. Ademais, este curso completouse dita exposición con
mensaxes positivas cara a mulleres por parte do alumnado de 1º da ESO.
Neste enlace de Calameo está o traballo realizado polas alumnas de 1º de BAC de Latín I, e tamén se poden ver as restantes publicacións do 8M, entre elas a táboa das científicas realizada no pasado curso.
xoves, 5 de marzo de 2026
DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA EN BIOLOXÍA
SCAPE ROOM CIENTÍFICO
luns, 2 de marzo de 2026
DÍA DE ROSALÍA 2026
AIRIÑOS, AIRIÑOS, AIRES
EN VARIAS LINGUAS
xoves, 19 de febreiro de 2026
ENTROIDO 2026
CONCURSO DE COMPARSAS E DEGUSTACIÓN DE DOCES DE ENTROIDO
No IES de Becerreá celebrouse o Entroido cunha xornada chea de alegría, creatividade e compañeirismo, con música e disfraces grazas á participación do alumnado no tradicional concurso de comparsas.
Cada grupo sorprendeu co seu enxeño, coidando tanto a posta en escena como a caracterización e a coreografía. Houbo temáticas de todo tipo: propostas divertidas, reivindicativas e mesmo algunhas inspiradas na en sucesos dos nosos días, proba de que o alumnado está ao tanto do que sucede no mundo! A grande implicación dos grupos fixo moi difícil a elección do xurado.
Tras as actuacións, celebrouse a entrega de premios, un dos momentos máis agardados da xornada. Recoñeceuse o esforzo, a orixinalidade, o vestiario e a posta en escena das comparsas participantes (mesmo o profesorado participou!)
Como non podía ser doutro xeito, o Entroido rematou cunha deliciosa degustación de doces tradicionais. Filloas, orellas e outras sobremesas típicas puxeron o toque final a unha xornada inesquecible, na que non faltaron nin o bo humor nin o sabor máis auténtico destas datas.
Sen dúbida, foi un día para lembrar, ¡viva o Entroido!
DÍA DA PAZ 2026
CANTIGAS PARA A PAZ E LECTURA DO MANIFESTO A FAVOR DA BOA CONVIVENCIA
O pasado 30 de xaneiro, o IES de Becerreá volveu participar na celebración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, unha data moi relevante no ámbito educativo, na que se destaca a importancia de educar na tolerancia, na solidariedade, na boa convivencia, no respecto aos Dereitos Humanos e na resolución dialogada dos conflitos.
Esta conmemoración coincide co aniversario do falecemento de Mahatma Gandhi, símbolo internacional do pacifismo e da loita non violenta contra as inxustizas. O seu exemplo continúa a servir de guía para promover, desde a escola, valores de paz, diálogo e entendemento entre persoas con diferentes orixes e maneiras de pensar.
Desde hai seis anos, o Departamento de Lingua Galega implicáse nesta data a través dun recitado literario inspirado na lírica trobadoresca medieval, unha das épocas de maior esplendor da nosa lingua. Nesta edición, o alumnado de 1º de Bacharelato deu un paso adiante ao converterse en autor das súas propias creacións, elaborando cantigas inéditas nas que o eixo central deixou de ser o amor ou a saudade para centrarse na paz.
As obras presentadas manteñen elementos característicos das cantigas medievais, como o paralelismo, o leixaprén ou o refrán, adaptados a unha mensaxe actual, comprometida e claramente pacifista. A través da poesía, o alumnado reflexionou sobre a importancia do respecto mutuo, da convivencia e da construción dun mundo máis xusto e solidario.
Todo o alumnado de 1º de Bacharelato tomou parte no Concurso de Cantigas pola Paz organizado polo centro. As persoas premiadas foron:
Desde o IES de Becerreá queremos expresar os nosos parabéns a todo o alumnado participante polo seu esforzo, imaxinación e compromiso, e felicitar especialmente ás persoas gañadoras. Esta iniciativa forma parte doutras propostas literarias que se desenvolven ao longo do curso co propósito de incentivar o gusto pola escrita, potenciar a creatividade e promover o uso do galego como medio de expresión, reflexión e implicación social.
VELAQUÍ O VÍDEO DA ACTIVIDADE:
luns, 19 de xaneiro de 2026
INAUGURACIÓN DO ESPAZO CREATIVO "MARÍA DO CEBREIRO"
ACOLLEMOS Á POETA E INVESTIGADORA MARÍA DO CEBREIRO COMO PROTAGONISTA DA INAUGURACIÓN DO NOVO ESPAZO CREATIVO DO IES DE BECERREÁ
Na mañá do 15 de decembro, o IES de Becerreá viviu un acto moi especial coa inauguración dun dos seus novos espazos creativos, que desde agora leva o nome de “María do Cebreiro”. Con este motivo, o centro recibiu a visita da protagonista, destacada poeta e ensaísta, ademais de profesora da Universidade de Santiago de Compostela, fortemente vencellada á comarca de Becerreá. Así, preténdese visibilizar a traxectoria de mulleres da zona, celebralas e dar a coñecer o seu labor ó alumnado do centro.
María do Cebreiro converteuse así na primeira persoa homenaxeada dentro deste proxecto, cun emotivo acto no que se descubriu unha placa na súa honra nun dos novos espazos do centro. A homenaxe contou coa presenza do alumnado que forma parte do Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDL), da súa coordinadora Iria Braña, do profesor de Lingua Galega Xosé María González e do profesor do centro e escritor Abraham Pérez.
LACASITOS NO IES DE BECERREÁ, COMO É TRADICIÓN, NO NADAL
ACTIVIDADES DE NADAL NO NOSO CENTRO
O remate do ano é sempre un momento propicio para mirar atrás con agradecemento e cara adiante con esperanza. No noso centro despedimos o ano dun xeito moi especial, compartindo momentos que fortalecen os lazos que nos unen como comunidade. Por iso, nesta publicación compartimos un vídeo no que se recolle como celebramos no IES de Becerreá o fin de ano, mantendo a tradición dos 12 lacasitos e gozando xuntos da nosa querida chocolatada de Nadal nun ambiente de convivencia, alegría e colaboración que se vive no centro, así como unha mostra dos traballos realizados polo alumnado e polo profesorado, froito do esforzo diario, da creatividade e do compromiso compartido: un belén moi especial, onde aparecen estruturas da comarca e construcións características da nosa zona, unha árbore da Nadal con iluminación propia feita polo alumnado FP, os puntos de lectura, con libros da nosa tradición para entreternos nestas datas, a decoración das aulas e da biblioteca...
xoves, 15 de xaneiro de 2026
ENCONTRO POÉTICO CON NIEVES NEIRA E LUÍS VALLE
LUÍS VALLE E NIEVES NEIRA NO IES DE BECERREÁ
O pasado venres 5 tivo lugar no IES de Becerreá un emotivo encontro poético co alumnado de 1º e 2º de Bacharelato, protagonizado polos poetas lugueses Nieves Neira, xornalista, e Luís Valle, xestor cultural e pintor. A actividade serviu tamén para estrear a sala recentemente reformada, un espazo pensado para acoller actos culturais e favorecer a creación literaria.
Ao longo da sesión, ambos os dous autores achegaron ao alumnado ao seu universo creativo a través da lectura e comentario dos seus poemas. O diálogo centrouse especialmente en Neve de agosto, o primeiro libro poético de Nieves Neira, un poemario intimista, cheo de referencias á paisaxe como vehículo de emocións e instantes; en Alianza, de Luís Valle, un libro tamén intimista e amoroso, unha “anomalía” temática dentro da súa extensa traxectoria literaria, tal e como o propio autor subliñou e en Somos, o seu último poemario publicado este mesmo ano de temática social, para “experimentar e sentir”.
A lectura de textos, acompañada de reflexións sobre a creación poética e a relación cos lectores, deu lugar a un encontro intenso, próximo e inspirador, que o alumnado acolleu con grande interese. Un magnífico inicio para este novo espazo cultural do centro.





















%20(1).jpeg)