domingo, 12 de novembro de 2023

Comeza no IES de Becerreá, o proxecto de fusión entre danza urbana e tradicional da man de Rubén Hamade Longarela, Director da escola de baile e espectáculos Gravitty de Lugo 



    Unha clase de HipHop serviu como marco inaugural para o proxecto  “Fusión  e movemento”, que se desenvolverá ao longo do curso no IES de Becerreá. O proxecto que ten varias fases, pretende dar a coñecer a danza tradicional galega e a danza urbana, a súa riqueza e elementos estilísticos. O obxectivo principal deste proxecto é visibilizar o noso patrimonio artístico a través da danza, fusionando os dous estilos e achegando ao alumnado a idea de que ambas expresións artísticas poden enriquecerse mutuamente. A mestura da danza galega cunha disciplina máis próxima á xuventude como é o HipHop, facilita o achegamento do alumnado á tradición do baile galego e o descubrimento de toda a súa riqueza.

 Rubén Hamade Longarela profesor e Director da Escola de Danza, Ximnasia e Espectáculos  de Lugo, foi   recibido con gran entusiasmo  polos asistentes. Comezou a súa intervención cunha pequena clase sobre a orixe, evolución e elementos estilísticos e formais que conforman este xénero. A parte práctica da clase consistiu na aprendizaxe dunha coreografía, na que o alumnado, todo sexa dito, deuno todo. O resultado foi moi gratificante, e interesante para o alumnado.

Queremos agradecer a colaboración de Rubén Hamade co noso centro, pola súa profesionalidade, amabilidade e carisma.

 





Ningún comentario:

Publicar un comentario