martes, 29 de abril de 2014

O IES de Becerreá convoca o 1º Premio á promoción da lingua e cultura na comarca dos Ancares


Iº PREMIO IES BECERREÁ
 

 

 POLA PROMOCIÓN DA LINGUA E CULTURA GALEGAS

NA COMARCA DOS ANCARES
 
 
BASES DO PREMIO DO IES DE BECERREÁ AO EMPREGO E DIFUSIÓN DA NOSA LINGUA E CULTURA

O PREMIO “IES de BECERREÁ Á PROMOCIÓN DA LINGUA E A CULTURA GALEGAS NA COMARCA DOS ANCARES” é un proxecto do Equipo de Dinamización Lingüística  destinado a recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico e cultural pertencentes á comarca de influencia do Instituto.

Entregaranse dous premios que incidirán en 2 ámbitos, un o do labor relacionado directamente coa lingua e cultura propia por parte de persoas, asociación ou colectivos culturais e outro, o de iniciativas privadas relacionadas co tecido produtivo, empresarial, comercial, etc., asentadas na comarca dos Ancares.

O Premio  quere contribuír a ese obxectivo e implicar o conxunto da comunidade educativa na súa consecución.

Para isto, o Premio IES de BECERREÁ outorgarase de acordo coas seguintes

BASES

1. Concederanse dous premios de promoción da nosa lingua e cultura na comarca diferenciando estes dous ámbitos de actuación:

a)      Persoas, asociacións, entidades ou colectivos involucrados ou que traballen directamente no labor cultural.
b)      A iniciativas privadas, empresariais ou comerciais relacionadas co tecido económico, produtivo ou doutra índole desta comarca que se distingan polo uso do idioma e no apoio e dignificación da nosa cultura.
2. Para conceder os premios o xurado terá en conta os seguintes criterios:
- tarefa continuada desenvolvida en favor da promoción da lingua e cultura galegas
- actuacións concretas en favor da dignificación social da lingua e cultura galegas
- uso habitual e digno do galego nas súas actividades e nos seus servizos
- campañas de información e/ou publicitarias en galego
- contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural
O xurado poderá valorar outros méritos, que dará a coñecer, das persoas, colectivos ou entidades que se propoñan.
3. As candidaturas para o Premio poden presentarse de calquera das seguintes formas:
    - Os membros do xurado poden propoñer unha ou varias.
    - Calquera persoa, entidade ou colectivo poderá presentar unha ou varias candidaturas enviando ao IES de Becerreá (Castelo s/n/) ou por correo electrónico (ies.becerrea@edu.xunta.es) unha proposta que inclúa o nome e datos de contacto xunto cunha explicación das candidaturas na cal se incida no uso do galego que se fai desde a proposta candidatada.

4. O prazo para a presentación de candidaturas remata o día 14 DE MAIO DE 2014.


5. O xurado do Premio  estará conformado polo director do Instituto, os compoñentes do EDL do IES de Becerreá, o representante de nais e pais do Consello Escolar e a Comisión de Alumnos/as conformada para elaborar propostas e o desenvolvemento do Premio.

6. O xurado seleccionará a  entidade ou persoa premiada  tendo en conta os obxectivos e finalidade do premio, e pode optar por deixalo deserto. A súa decisión será inapelable.

7. Os premios serán entregados nun acto público ao cal se dará difusión polos medios que determine o IES de Becerreá.

8. O premio, ademais de no seu carácter simbólico, será difundido na revista A Rebola e na páxina web do IES de Becerreá así como nos outros soportes que o centro decida.

9. Quen obteña o Premio poderá mencionar na súa comunicación externa e interna a posesión deste premio.

 
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario