mércores, 12 de xuño de 2019

O IES de Becerreá premiado na Terceira edición da "Escola de Prensa O Progreso"

O alumnado de 4º da ESO do IES de Becerreá acadou o terceiro posto deste concurso de xornalismo

Alumnado de 4º da ESO participante na "Escola de Prensa O Progreso".


Por terceiro ano consecutivo o alumnado participante na Escola de Prensa do Progreso triunfa acadando catro premios,  concedidos ao mellor reportaxe fotográfico, mellor artigo de información, mellor reportaxe e a mellor entrevista. Os premiados acudirán á redacción do Progreso para recoller os trofeos o vindeiro martes 18 ás 18:00 horas.
Utilizar a nosa lingua, o galego no ámbito xornalístico é sen dúbida o obxectivo principal deste proxeto. Achegar a figura do xornalista ao ámbito educativo e, máis concretamente, ás aulas, analizando a súa función social e as dificultades e retos do seu traballo, forma parte da aprendizaxe do alumnado da escola de prensa. Coñecer os diferentes estilos xornalísticos, mellorar a capacidade de comprensión das mensaxes da linguaxe xornalística, analizando a función dos diferentes recursos utilizados nos mesmos, ou desenvolver no alumnado a capacidade crítica con respecto ás mensaxes dos medios de comunicación, para que aprenda a contrastar as informacións e opinións vertidas nos mesmos, son varios dos obxectivos deste proxecto. 
O enfoque do noso xornal  “O Progreso dos Ancares", sería facer artigos que nos axuden a coñecer mellor a actualidade da nosa contorna, así como o seu estado de cousas, sinalando as vantaxes específicas do xornal en relación con outros medios de comunicación. 
Para o profesorado é un recurso didáctico que proporciona un contexto de actualidade á tarefa educativa, aportando pautas para "ensinar a aprender", e achegarse ás novas tecnoloxías tanto na procura de información, coma na utilización de programas de maquetación.
O cambio climático, a violencia no deporte, o edificio do Concello de Becerreá, etc,  foron algúns dos temas escollidos polo alumnado, que fixo uso de distintos estilos xornalísticos coma reportaxe, opinión, información, reportaxe grafico, crónica e entrevista.

PARABÉNS PARA OS PARTICIPANTES 

Ningún comentario:

Publicar un comentario