DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA 2021 NO IES DE
BECERREÁ
O día 11 de febreiro conmemorouse o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha data establecida en 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para promover a participación plena e equitativa das mulleres, adolescentes e nenas na ciencia
Exposición realizada por Antía Barcia Varela, profesora de Física, e o alumnado de 2º da ESO. |
Durante séculos moitas mulleres científicas foron privadas de
estudos, discriminadas, invisibilizadas e, incluso, sufriron a negación das
súas aportacións e descubrimentos, dándolle a autoría dos mesmos aos seus
compañeiros de investigación, ou a outros homes que fixeron os mesmos
descubrimentos posteriormente. Esta discriminación denomínase Efecto Matilda, en referencia á
activista en pro dos dereitos das mulleres Matilda Joslyn Gage.
Un reflexo desta falta de visibilidade é que só aparecen mulleres
nun 7.5% dos libros de texto de calquera materia de educación secundaria, o que
se traduce nunha falta de referentes femininos das nenas e adolescentes
impactando nas súas aspiracións profesionais e facendo que teñan unha menor
presenza nas carreiras STEM (Ciencia,
Tecnoloxía, Enxeñería, e Matemáticas). Segundo estatísticas do Ministerio de
Educación, en 2019 a porcentaxe de mulleres matriculadas en carreiras
científicas en España foi do 28.5%.
No IES de Becerreá queremos homenaxear ás Matildas esquecidas pola historia, elaborando unha exposición onde facemos un pequeno percorrido pola súa biografía centrándonos nos seus descubrimentos e na discriminación que sufriron.
Ningún comentario:
Publicar un comentario