MARÍA REIMÓNDEZ NO IES DE BECERREÁ
Este
venres 24 de maio, a escritora María Reimóndez compartiu co alumnado de 2º e 3º
da ESO do noso instituto unha hora de confidencias arredor da súa obra, do seu
constante activismo e, como non, das súas orixes en Becerreá e como o noso
concello aparece reflectido na súa obra.
O
coloquio entre maría e o alumnado tratou, en primeira instancia, da novela Corredora lida polo alumnado de 3º. A
preguntas destes, María foi desvelando a inspiración, as experiencias e os
porqués desa historia. Como ela viviu un tempo en Etiopía, como quería
visualizar as mulleres que trunfan no deporte e tamén a dura vida en países que
teñen serias dificultades para sobrevivir e non contan coa suficiente axuda do
mundo chamado “rico”, ao contrario, seguen sendo tratados como colonias das que
aproveitarse sen dar nada a cambio.
Preguntada
sobre o seu amplo activismo, ela devolveu a pregunta ao alumnado: “por que non
sodes vós activistas con todo o que está ocorrendo ao voso redor e no mundo”.
Tamén
explicou que as súas raíces en Becerreá son profundas, que volve con frecuencia
e que en varios dos seus libros aparece reflectida esta historia súa.
María Reimóndez Meilán, nada en Lugo en 1975, é unha escritora galega, doutora
en tradución e interpretación pola Universidade de Vigo. Cultiva tanto a narrativa e a poesía coma o ensaio e o teatro.
Leva traballando en cooperación
desde o ano 1994, cando realizou a súa primeira visita a un proxecto de
desenvolvemento na India. Despois de novas visitas, todos
na India, fundou a Organización Non Gobernamental de Cooperación ao
Desenvolvemento Implicadas no
Desenvolvemento
que leva traballando na India desde o ano 1998 e desde 2003 en Etiopía en
proxectos de desenvolvemento integral.
Como narradora, no ano 2003 recibiu o
premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora. No
ano 2005 quedou finalista do Premio Xerais con O club da calceta, que
foi galardoada co Premio San Clemente e que foi traducida ao italiano por
Attilio Casteluci e o castelán por María José Vázquez Paz, adaptada ao teatro
por Teatro do Morcego e ao cine por Ficción Producciones. A partir de aí
publicou as novelas Pirata e En vías de extinción. Esta última dá
inicio ao Ciclo dos elementos , unha serie de novelas independentes pero
interconectadas, á que tamén pertencen A música dos seres vivos e o Premio
Xerais 2014 Dende o conflito, ademais de As cousas que non queremos oír .
En 2020 recibe o Premio Pinto e Maragota pola diversidade sexual e de xénero do
Concello de Pontevedra por Cobiza.
Tamén ten publicados numerosos títulos de
literatura infantil e xuvenil. No ano 2005 quedou finalista do Premio Merlín de
Literatura Infantil con Usha , personaxe ao que retornou con Volvo! O regreso de Usha.
Ademais, publicou seis libros infantís
sobre as comarcas galegas en Editorial Everest, Lía e as zapatillas de deporte
-Premio Frei Martín Sarmiento 2010- e O Monstro das palabras . Para o
público infantil publica tamén O xeito
das froitas. Premio Frei Martín Sarmiento 2019 e A formiga destemida. En
2017 publica Corredora , dirixida ao público xuvenil e gaña o I Premio
Agustín Fernández Paz pola Igualdade por Fóra do normal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario