xoves, 13 de xuño de 2024

CELEBRACIÓN DA  8ª EDICIÓN DO PREMIO IES DE BECERREÁ Á PROMOCIÓN DA LINGUA E A CULTURA GALEGAS NA COMARCA DOS ANCARES


O grupo musical feminino Son de Cores gañadoras do 8º edición do premio.


    Hoxe, no salón de actos do centro tivo lugar a entrega do premio singular no ámbito educativo galego, orixinal e único. É este un premio para aqueles que no sector cultural e non cultural favorecen e impulsan a o noso idioma e a nosa cultura nesta comarca.

O PREMIO  “IES de BECERREÁ Á PROMOCIÓN DA LINGUA E A CULTURA GALEGAS NA COMARCA DOS ANCARES” nace no 2014 como proxecto do Equipo de Dinamización Lingüística  destinado a recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico e cultural e pertencentes á comarca de influencia do Instituto. O Premio  quere contribuír a ese obxectivo de recoñecer aos que no seu labor teñen en conta o noso e tamén implicar o conxunto da comunidade educativa na súa consecución, este ano o Premio foi concedido a un grupo de persoas cunhas fortes raíces na nosa comarca, raíces persoais, profesionais, culturais,  un colectivo cultural de MULLERES dos Ancares que deron moito pola comarca e decidiron seguilo dando dende a música propia, recuperándoa e manténdoa, elas son o grupo Son de Cores.

Son de Cores son un colectivo de mulleres que botan a andar no 2012 co obxectivo de colaborar na recuperación dun instrumento emblemático dos Ancares: “a pandeira”, son mulleres, mulleres concienciadas sobre a importancia de todas aquelas que século tras século foron o elemento fundamental de transmisión e supervivencia da literatura popular, da música popular dos Ancares, elas compoñen o círculo que (como din elas) afonda na “historia da nosa comunidade, entendendo como operan as desigualdades, por que saber como afectaron ás que nos precederon é unha lección de vida, de supervivencia e de superación”. Despois de toda unha vida sendo activistas seguen bulindo, cantando as súas propias historias, reivindicando con naturalidade a súa condición, reclamando ese espazo que lles corresponde por compromiso e historia. Estes sinais de identidade son os que decidiron que elas foran as premiadas por que representan o espírito do noso premio: comprometidas co idioma, comprometidas coa historia en feminino, coa nosa cultura e coas raíces ben chantadas  na nosa comarca.

Moitas grazas por agasallarnos coa vosa música que tamén é nosa.

PREME ABAIXO PARA VER O VÍDEO DO ACTO.






Ningún comentario:

Publicar un comentario