Había hai moitos anos en Castela, un pai que tiña moitas
fillas, unha das cales comía moita carne, canta máis lle daban máis comía. E un
día o pai díxolle: -Inda vaias comer carne cos lobos o monte. Foi palabra
maldita, xa que aquela mesma noite desapareceu sen saberse que fora dela.
Segundo se soubo despos fuxíu da casa paterna e envorcallouse na area,
volvéndose unha fada que unhas veces andaba de lobo e outras de muller. Foi
desandando desandando ata que chegou ó Cebreiro e ás canellas de Agras de
Tosende. Por estes montes andou moito tempo de capitana dos lobos, causando
estragos na facendo e na xente (isto cando estaba transformada en lobo). O
paradoiro era no monte do Cebreiro. Cando estaba de muller acendía o lume e
xuntábanse os lobos de arredor dela, e non lles deixaba facer mal ningún a
ninguén.
E unha vez que viñan os do Sal de Portugal, cando o
sal estaba estancado, os lobos quixéronse botar a eles para os comer e ela
detívoos decíndolles:
-Quietos, deixádeos pasar.
Así andou moito tempo ata que lle levantaron a fada.
Adoitaba ela ir comer fariña a un muíño e unha vez cadroulle de estar o amo
dentro e quíxose meter por baixo da porta coma sempre, e ó meter unha pata,
viuna o muiñeiro e cunha navalla quíxolle cortar unha perna e ó empezar a
cortar, foi e meteu un berro, volvéndose unha muller.
Así que se viu muller, tratou de ir para a súa casa
preguntando de pobo en pobo ata atopala, tratándoa con moito agarimo seus
irmáns e seu pai.
Para o verán foron os de Tosende á sega a Castela e
foron segar á vasa da tal, entón esta preguntoulle de onde eran e eles
dixéronlle que de Tosende e de Aguis:
-Pois esas terras coñézollas eu ben e coñezo o
Cebreiro e as canellas de Agra, pois tiven que andar por alí de fada e fixen
moitos estragos por ningún tiven tanta pena como por un rapaz que comín, eu
estábao despedazando e el rindo cara mín.
Ó oír esto os segadores colleron tal medo que deron
volta correndo para a súa terra, mal
feito pois a fada volveu detrás deles, acabando co benestar que producira a súa
desaparición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario